UNIDADE I/ COMO CREAR UN BO DISCURSO

 


Independentemente de que queramos realizar un discurso argumentativo ou queramos realizar un discurso persuasivo, existe un proceso de creaccion do discurso que debemos coñecer. 

Un bo discurso non se pode improvisar. Tampouco podemos realizar un discurso perfecto sen analizar e coñecer algo sobre a oratoria. Para evitar que sexan caóticos ou incompletos os nosos discursos iremos aprendendo a estruturar e preparalos pouco a pouco. Hoxe imos fixarnos en algo do que non podemos prescindir como primeiro paso no proceso de creación dun bo discurso persuasivo: 

INVENTIO: Consiste en elixir as ideas que se empregarán para elaborar o discurso. Que debo dicir para convencer?

DISPOSITIO: Consiste en ordenar as ideas de xeito que os argumentos que usemos resulten máis claros e impactantes. Pode haber diferentes estruturas. Como organizo o que vou dicir para ser máis persuasivo?

ELOCUTIO: Consiste en expresarse con corrección e claridade, procurando que a beleza  (usando recursos retóricos). Que estilo debo usar para resultar convincente?

Á hora de realizar o discurso xa temos que botar man da: 

MEMORIA: Son as técnicas que facilitan a memorización do discurso, xa que debo expoñelo sen telo que ler. Como memorizar o meu discurso?

ACTIO: É a arte de pronunciar e modular a voz e incorporar os xestos e desprazamentos ao realizar o discurso. Como debo pronunciar e moverme para ser más persuasivo?



Da DISPOSITIO 

Iremos traballando todas estas cuestións a modiño como dixemos. Todo isto hai que preparalo antes de pronunciar ese discurso persuasivo que é algo máis que argumentar. Abordemos esa parte inicial denominada a DISPOSITIO: Como organizo o que vou dicir?  para o que resulta fundamental saber que os discursos adoitan responder a unhas partes ben diferenciadas:


EXORDIUM: Unha introdución onde é imprescindible gañarse a simpatía da audiencia. 

NARRATIO: Unha exposición concisa e breve dos feitos, ben seleccionados e dispostos con orde e claridade.

ARGUMENTATIO: Expoñer as razóns que favorecen o que defende o orador (autor do discurso) e que serven para refutar as ideas contrarias. 3 argumentos claros.

PERORATIO: Conclusión do discurso. 4 palabras claves, coa posiblidade de enlazar co exordio.  Reunindo brevemente os argumentos e dirixímonos de forma emotiva e retórica para persuadir a audiencia.


ACTIVIDADES

1-  Fixémonos hoxe no comezo dos discursos persuasivos na CAPTATIO BENEVOLENTIAE é dicir, unha figura retórica e literaria para gañarse a simpatía do auditorio.


Para os comezos dos discursos (EXORDIUM) é importante saber usar a "captatio benevolentiae". Esta expresión latina significa: Capturar (captatio), favorablemente e para ben (bene)  a atención, o interese e a vontade (volentia) do público.

Inventa varias  máis formas de atraer favorablemente cara o que dis a atención, o interese ou a vontade dos que te escoitan:

Exemplos na oratoria e discursos:

É para mín un honor falar para un público tan cualificado...

Como vostedes moi ben saben...

Diríxome a vostedes, os profesionais do mañá...

Como ti moi ben dicías...

Direilllo a vostedes que saben moi ben o que queren...

Amigos e amigas, pode haber alguén máis afortunado que eu ao coñecerlles?...

Como elaborar a captatio benevolentiae?

Mostrar humildade: Un orador pode iniciar o seu discurso reconecendo as súas limitacións ou a dificultade da tarefa, como o faría un avogado que di "se ben este caso é moi complexo...".

Usar anécdotas e/ou  humor: Compartir unha anécdota persoal ou unha chiscadela cómplice axuda ao que fala a amosarse un ser humano e a establecer unha conexión empática coa audiencia.

Coloquialismos e linguaxe corporal: O uso dunha linguaxe próxima, xestos, ou incluso un chiscar un ollo, serve para mostrar a humanidade da persoa oradora e crear un vínculo máis íntimo con quen escoita. 

Características xerais:

Procura da empatía: Inténtase que o público se identifique con quen fala ou a personaxe aludida, compartindo os seus sentimentos ou perspectivas.

Establecemento dunha conexión: Crease unha relación de simpatía desde o principio, o que facilita que a mensaxe da persoa oradora sexa mellor recibida.

Humanización: Mostrar vulnerabilidade, erros ou limitacións pode ser unha estratexia efectiva para humanizar ao orador/a e facelo máis próximo á audiencia.

 Rosalía de Castro ou Cervantes a utilizaron:


Máis de dez anos pasaron —tempo caseque fabuloso a xulgar pola presa con que hoxe se vive—desque a maior parte destes versos foron escritos, sen que as contrariedades da miña vida desasosegada, e unha saúde decote endebre, me permitise apousar neles os meus cansados ollos e o meu fatigado esprito. Ao lelos de novo, vin ben claro, como era incompleto e pobre este meu traballo poético, canto Ile faltaba para ser algo que valla, e non un libro máis, sen outro mérito que a perenne melancolía que o envolve, e que algúns terán, non sen razón, como fatigosa e monótona. Mais as cousas teñen de ser como as fan as circunstancias, e se eu non puiden nunca fuxir ás miñas tristezas, os meus versos menos. Escritos no deserto de Castilla, pensados e sentidos nas soidades da natureza e do meu corazon...

                                                     "Dúas palabrasda autora" en Follas Novas de Rosalía de Castro

«Desocupado lector: sin juramento me podrás creer que quisiera que este libro, como hijo del entendimiento, fuera el más hermoso, el más gallardo y más discreto que pudiera imaginarse. Pero, no he podido yo contravenir al orden de naturaleza; que en ella cada cosa engendra su semejante. Y así, ¿qué podrá engendrar el estéril y mal cultivado ingenio mío sino la historia de un hijo seco, avellanado, antojadizo y lleno de pensamientos varios y nunca imaginados de otro alguno, bien como quien se engendró en una cárcel, donde toda incomodidad tiene su asiento y donde todo triste ruido hace su habitación?»

Cervantes, Don Quijote de la Mancha, I, Prólogo.


2-   Xa que o discurso persuasivo usa distintas funcións da linguaxe ademais da referencial, repasemos logo as Funcións da linguaxe a partir do minuto 5,45 do seguinte vídeo: 



Intenta, despois de ver o vídeo, identificar cada unha das funcións da linguaxe coas intencións comunicativas seguintes :

Funcións da linguaxe

A) Expresiva ou emotiva 

B) Apelativa ou conativa

C) Referencial ou representativa 

D) Poética ou estética

E) Fática ou de contacto

F) Metalingüística


Intencións comunicativas:

I- Informar obxectivamente sobre algo. Falamos dun referente ou varios do contexto.

II-  Confirmar que está chegando a información. Procura saber se a canle funciona.

III- Procurar obter unha resposta da persoa á que te dirixes, o receptor

IV- Resaltar a forma da mensaxe con recursos propios da literatura ou a publicidade.

V- Expresar un sentimento, emoción ou opinión. Centrada no que sinte o emisor.

VI- Cando falamos da propia linguaxe, estamos falando do código.


3- Exemplos: Cal é a función da  linguaxe  que se usa en cada un dos exemplos seguintes?


a) Está rematando o mes de outubro.

b) Creo que Marín é o mellor porto de mar de Galicia.

c) Enténdesme?

d) Libre como os paxaros ou como o árabe no deserto

e) Por que me gusta tanto iso que dis?

f)  Marilar Aleixandre premio Nacional de Narrativa 2022 coa novela: As malas mulleres.

g) Miguel, ven para aquí. 

h) Bos días!

i)  Aspasia foi o faro que iluminou o camiño a seguir polas mulleres na Atenas democrática.

l) Quen de vós pensa intervir hoxe no debate?

m) A palabra "ponte" é un substantivo e ten dúas sílabas.  

Comentarios

Publicacións populares deste blog

UNIDADE 1/ UN DISCURSO PERSUASIVO PARA ANALIZAR

UN DEBATE SOBRE ASPASIA