O blog da materia de Oratoria do Sei Sannarciso (Marín)
QUE É A ORATORIA?.
Obter ligazón
Facebook
X
Pinterest
Correo electrónico
Outras aplicacións
Aspasia e Pericles
Que é iso da Oratoria?
Cando dis de alguén: Que ben fala! seguramente queres dicir que cando se expresa esa persoa faino con claridade, beleza e convicción, ademais de con elocuencia porque co seu discurso é capaz de emocionarte e mesmo de convercer. Logo esa persoa dominará a retórica e a oratoria.
UNHA PRIMEIRA DEFINICIÓN DE ORATORIA
Popularmente sería: Falar ben ante un público e con intención. Unha definicion mais acorde aos dicionarios seria:
ORATORIA: É a arte de falar e escribir con elocuencia, o que vén sendo, comunicarse de xeito agradable, conmovendo e persuadindo.
RETÓRICA: Son as regras, técnicas e recursos que nos permiten dominar a Oratoria, chegar a ser elocuentes.
UNIDADE CERO: DA DIALÉCTICA FILOSÓFICA Á ORATORIA
A Oratoria como xénero literario e como arte da elocuencia e da persuasión é unha materia que nace en Grecia e que logo Roma desenvolve para estenderse con posterioridade por Europa e confluír con outras tradicións culturais antes de asentarse como un recurso vital para as sociedades modernas de todo o mundo.
Para comezar imos viaxar á Grecia Clásica onde naceu a Oratoria e deternos, en particular, na Atenas do século V a.C. porque alí podemos dicir que dá os seus primeiros pasos tanto como xénero literario, ou simplemente como a arte de persuadir a través da palabra.
Antes de proseguir deberemos reparar precisamente noutro concepto intimamente relacionado coa Oratoria, pero que llo debemos aos filósofos o concepto da Dialéctica ou a arte de dialogar. Para que haxa comunicación debemos establecer un diálogo co outro, de aí que a dialéctica sexa en boa medida o punto de partida á hora de nos comunicar.
I- FILOSOFÍA E DIALÉCTICA
Etimoloxía da palabra Dialéctica
Dialéctica vén da unión dunha preposición grega διά (diá): "a través de" e do verbo λέγω (lego): "discutir, conversar, razoar, pensar".
Significará algo así "método para pensar a través do razoamento" discutir en movemento, é dicir, discusión ou tensión sobre dous opostos. Así establecer un diá-logo é pois comezar unha conversación entre dúas ou máis persoas.
No dicionario adoita dar dúas acepcións:
1. Teoría e técnica retórica de dialogar e discutir para descubrir a verdade mediante a exposición e confrontación de razoamentos e argumentacións contrarios entre si.
2. Conxunto de razoamentos e argumentacións dun discurso ou unha discusión e modo de ordenalos.
A dialéctica é a arte de debater e razoar ideas diferentes. Nun discurso, a dialéctica consiste en presentar unha idea principal ou concepto, denominado tese, ao cal se lle contrapoñen diferentes argumentos e ideas, coñecidas como antítese dando como resultado a síntese.
CUESTIÓNS:
1- Cal é a definición de dialéctica que nos dá Maite Larrauri.
2- Ten que ver coa palabra diálogo, xustifica esa relación.
3- Cal é son os pasos a seguir neste método ou técnica?
4- Platón non quería que se ensinase ao rapaces coma vós, por que?
5- Por que cres que a arma da dialéctica é diferente a dialéctica das armas?
6- Tería razón Platón na súa teima de que os mozos non soubesen da dialéctica ata chegar aos 35 anos.
Argumentamos seguindo o pasos da dialéctica establecendo dous grupos na aula.
7- Como explicas a loita de clases ou o gran paso da dialéctica do discurso á dialéctica da realidade? Quen o levou a cabo?
O nacemento da dialéctica:
Como xa dixemos foron os filósofos gregos os que definiron a dialéctica. Aínda que os grandes filósofos, como Platón e Aristóteles, a usaron, precisamente este último foi o primeiro en indicar a Zenón de Elea como «o inventor da dialéctica». Por dialéctica Aristóteles entendía «a técnica de debater», a fin de descualificar argumentos.
Este era un método habitualmente empregado polos pensadores presocráticos procedentes das cidades gregas de Asia Menor nas que xurdira a filosofía no século VI a. C. a partir dunha reflexión racional sobre a natureza. Por vez primeira na boca destes filósofos se libera o logos (o razoamento) do mito (explicación non científica). Poñamos o exemplo de Heráclito.
Heráclito de Éfeso enunciou o principio de que todo cambia, nada permanece. O Πάντα ῥεῖ (pánta rei) ou, o que é o mesmo, "todo flúe", exemplifícao dicindo que ninguén pode bañarse dúas veces nun mesmo río, porque aínda que aparentemente o río é o mesmo, os seus elementos, a súa canle, a auga que corre por el, cambiaron. O cambio é a constante da vida xa que esta representa unha constante transformación.
Nos mesmos ríos entramos e non entramos, [pois] somos e non somos [os mesmos].
Orixinariamente a dialéctica designaba un método de conversación ou argumentación análogo ao que actualmente se chama lóxica. No século XVIII o termo adquiriu un novo significado:a teoría dos contrapostos nas cousas ou nos conceptos, así como a detección e superación destes contrapostos. Aséntase como unha teoría do coñecemento da realidade xa que a dialéctica considera que todos os fenómenos están suxeitos a perpetuo movemento e cambio, ou que o desenvolvemento da Natureza é o resultado da loita das súas contradicións. Os filósofos da antiga Grecia, segundo a expresión de Engels, eran dialécticos innatos.
• Cuestións: Escoita “Todo se transforma” de Jorge Drexler
1-Tras escoitar o audio deste video clip, tenta explicar cal é a relación que esta canción ten coa dialéctica.
2-Con cal das dialécticas (a grega ou antiga ou a moderna) a relacionarías? Argumenta a resposta.
II- A DIALÉCTICA NA INVENCIÓN DA DEMOCRACIA Houbo un salto da reflexión filosófica e científica ao debate político deuse tamén naquel momento en Atenas grazas a personaxes como Clístenes que aplicou aquela teoría filosófica dos contrarios no ano 508 a. C. reclamando a “isonomía”, unha igualdade entre pobres e ricos ante a lei, un poder igual de todos os cidadáns, fundamento da democracia. Enfrontouse e derrotou así á “timocracia” de Solón, é dicir, a exclusividade de dereitos en función da riqueza ou da herdanza familiar (aristocracia). Atenas é unha cidade cun magnífico porto (O Pireo) que explica que fose unha cidade de navegantes e mercaderes. Ao principio estaba gobernada por un rei (monarquía), pero axiña os nobres constituíronse nunha oligarquía (goberno dos poucos) que serán os gobernantes en función da súa linaxe e riqueza. O pobo non tardou en queixarse de que esta oligarquía era inxusta á hora de gobernar porque non había leis escritas ás que responder. Foi por iso que Dracón, un nobre aristócrata redactou as primeiras leis da cidade favorables aos intereses dos oligarcas. Eran crueis e inhumanas , polo que aínda que foron un avance non tardaron en xurdir novas leis ante a desesperación das capas mái spobres dos cidadáns atenienses. Foi Solón o que realizou un novo código de leis no 594 a. C. Algo que non gustou ás familias de nobres a pesar de que estas leis seguían primando aos maís ricos sobre os máis pobres. A nobreza impuxo entón unha especie de novo rei, denominado tirano. Chamábase Pisístrato e gobernou ata a súa morte, pero os seus sucesores non puideron manter por máis tempo unha situación de desigualdade e inxustiza evidente polo que o pobo logrou colocar no poder ao seu líder, Clístenes, que se considera o impulsor dun novo sistema político, a democracia, no que todos os cidadáns de Atenas pobres ou ricos podían ocupar calquera cargo público ao ser iguais ante a lei.
Sabemos que aquela democracia, na democracia ateniense que se asentou ao longo do século V a. C. non era perfecta. Só era igualitaria para os cidadáns varóns, libres e nativos de Atenas, ou o que é o mesmo, quedaban excluídos do debate político todas as mulleres, ademais dos estranxeiros e os escravos. Pero debemos chamar a atención sobre un feito que en moitas ocasións non se declara. Foi neste tempo e nesta polis grega de Atenas onde achamos tamén un pensamento crítico e un movemento rebelde contrario a inxusta exclusión da muller e dos estranxeiros. Unha herdanza esta última digna de mención ao mesmo nivel que as anteriores.
PRIMEIRO TRABALLO DE INVESTIGACIóN:
PENSAMENTO CRÍTICO: PERICLES E ASPASIA
• Trátase dun apartado práctico de investigación que promova o pensamento crítico, esencial para o debate, para a Oratoria. Na Unidade cero introducimos o primeiro dos temas a traballar como proxectos ao longo do curso.
• Versará sobre: OS DEBATES DA ATENAS DE PERICLES E ASPASIA
• Imos traballar sobre un exemplo práctico de dous contrarios en loita.
Vaiamos de novo ao século V a. C. a coñecer a Aspasia de Mileto (470-400 a.C.) para ver como se desenvolve e resulta fundamental na Atenas do século V a. C. a Oratoria.
Un discurso persuasivo para analizar: TODO VALE? EXORDIO: TODO VALE? (captatio benevolentiae) Quen é o que pensa que todo vale? (anáfora) Os seres humanos usamos a razón ou temos un balón por cabeza? (interrogación retórica) NARRATIO : O mundial de fútbol de Qatar é un insulto á intelixencia (metáfora hiperbólica) . Hai numerosas e contrastadas razóns que o confirman. Deixarse levar polos intereses dos máis ricos, poderosos e sen escrúpulos, non é un exercicio de equilibrio racional nin unha actuación intelixente, por máis que nos guste o deporte e o fútbol. ARGUMENTATIO: De todos é sabido que o fútbol, un determinado fútbol, - ti e ti, e mais ti, o sabedes (apóstrofe) - , é máis un negocio que un deporte (comparación) . É un lobo con pel de cordeiro (paradoxo) , pero un lobo en definitiva. E se ben o lobo é un animal e non podemos xulgar como algo impropio del a súa impiedade, o seu carácter salvaxe e sanguinario (epítetos) , no ser humano ambos ...
UN EXERCICIO DE PENSAMENTO CRÍTICO: UN PRIMEIRO DEBATE SOBRE ASPASIA: - ERA MESTRA DE RETÓRICA OU UNHA HETAIRA? • Trátase dun apartado práctico de investigación que promova o pensamento crítico, esencial para o debate, é dicir, para a Oratoria. Na Unidade 0 introducimos o primeiro dos temas a traballar como proxecto piloto de debate. • Versará sobre: OS DEBATES DA ATENAS DEMOCRÁTICA, NA ÉPOCA DE PERICLES E ASPASIA • Imos traballar sobre un exemplo práctico da dialéctica de dous contrarios en loita. PARTES DO TRABALLO A) INVESTIGATIO... Son cinco apartados previos ao debate sobre os que temos que ir acumulando información para poder ter unha base de onde saian os argumentos que para o debate final imos necesitar: • 1. O invento da democracia e a súa relación coa dialéctica e a filosofía. Filósofos gregos. • ...
Independentemente de que queramos realizar un discurso argumentativo ou queramos realizar un discurso persuasivo, existe un proceso de creaccion do discurso que debemos coñecer. Un bo discurso non se pode improvisar. Tampouco podemos realizar un discurso perfecto sen analizar e coñecer algo sobre a oratoria. Para evitar que sexan caóticos ou incompletos os nosos discursos iremos aprendendo a estruturar e preparalos pouco a pouco. Hoxe imos fixarnos en algo do que non podemos prescindir como primeiro paso no proceso de creación dun bo discurso persuasivo: INVENTIO: Consiste en elixir as ideas que se empregarán para elaborar o discurso. Que debo dicir para convencer? DISPOSITIO: Consiste en ordenar as ideas de xeito que os argumentos que usemos resulten máis claros e impactantes. Pode haber diferentes estruturas. Como organizo o que vou dicir para ser máis persuasivo? ELOCUTIO: Consiste en expresarse con corrección e claridade, procurando que a beleza (usando recu...
Comentarios
Publicar un comentario