UNIDADE I/ COUSAS DISTINTAS: ARGUMENTAR E PERSUADIR
Ao desenvolver o Proxecto Aspasia fomos vendo algunhas das claves da argumentación para saber como era un texto argumentativo, imos ver agora as semellanzas e diferenzas que ten co texto persuasivo. Se a filosofía persegue a verdade, a retórica ten como obxectivo a persuasión.
O texto argumentativo e o texto persuasivo.
A argumentación e a persuasión adoitan confundirse porque son conceptos próximos e relacionados.
A estrutura que ambos seguen normalmente tamén é coincidinte:
a) Enunciase un argumento.
b) Explícase ou desenvólvese con razoamentos de apoio ao argumento que se defende.
c) Finalmente asentámolo con evidencias nunha conclusión.
Imos coas similitudes:
Os textos argumentativos e os persuasivos son semellantes na súa forma ou estrutura ambos defenden unha tese (unha idea central ou opinión) mediante argumentos.
As diferenzas:
A súa intención é diferente. Se o que queremos é xustificar a nosa tese con razóns convincentes, explicando por que opinamos algo, estamos creando un texto argumentativo no que usaremos sobre todo a idea de informar obxectivamente (función representativa da linguaxe).
Mais se o que pretendemos é convencer aos demais para que estean de acordo coa nosa opinión ou influamos no seu comportamento, estamos creando un texto persuasivo onde botamos man de recursos que chamen á atención do que recibe a mensaxe tentando sorprender, sumando emocións e mesmo recursos literarios (funcións apelativa, expresiva e poética).
Poñamos un exemplo: IR AO CINEMA
Será ben distinto argumentar que che gusta ir ao cine que se tes que convencer aos teus amigos que te acompañen a ver unha película hoxe.
Cuestións
1- Proba a realizar un texto argumentativo con tres argumentos para ir ao cinema e logo realiza outro texto persuasivo no suposto de que quixeras ir ao cine hoxe e precisases ir acompañado das túas amizades.
2-Unha actividade para crear un mini debate en dúas partes:
Fai un texto argumentativo para defender cada unha das dúas teses:
SAL VERSUS PEMENTA?
3- Logo transforma o texto argumentativo nun texto persuasivo e fíxate ben nos cambios que introduces para logralo.
MODELO
A favor do sal:
O sal e o mellor dos condimentos porque reforza o sabor de calquera comida notándose axiña se un prato ten ou non ten sal. Todo o mundo concorda neste valor do sal ao darle. Logo podes escoller botarlle máis ou menos sal a un prato marcando así o sabor escollido ao teu gusto.
Hai pratos que non se entenden sen sal, ata tal punto que resulta insípido ou eslamiado por exemplo, un arroz sen sal ou o polbo á feira, gañan en sabor e consúmense maioritariamente cunha boa cantidade de sal do contrario non son aceptados.
Hai diferentes sales que permiten variar tamén sabores dentro dun alimento salgado fino e groso, do Himalaia, etc… sendo un dos métodos máis ancestrais de conservación en pobos e culturas de diversas latitudes desde o noso pobo a salga do xamón de porco, lacón e espiñazo, ata o bacallau ou o salmón que salgan no norte de Europa.
Na palabra salario, que vén do sal que se empregaba na antigüidade para pagar o soldo se resume a súa importancia cultural e o seu valor universal como condimento básico e fundamental a ter conta.
Case que todas as salsas ou prebes utilizan o sal, pódese usar para calquera tipo de alimento, mesmo para as sobremesas doces procurando contrastes moi destacables e satisfactorios. Se está tan xeneralizado debe ser logo considerado sen non total, si que case un condimento imprescindible. Haberá algún restaurante no mundo no que sirvan todos os seus pratos sen sal?
A favor da pementa:
É un produto que suma, que respecta os sabores orixinais dos alimentos engadindo un toque picante sen eliminar a esencia dos mesmos, facéndose notar sempre sen confundir ao quen decide usar este condimento, pero marcando claramente a diferenza, pois non pasa desapercibido como lles ocorre a outros condimentos. Se queres sorprender usa a pementa.
Con propiedades medicinais, trátase dun condimento máis saudable que o sal, por poñer outro condimento habitual, porque envía ao estómago unha alerta para xerar ácido clorhídrico co que se vai mellorar ostensiblemente o proceso da dixestión. Fonte de manganeso e outras compoñentes positivas para o corpo como antioxidante.
Trátase dunha oferta barata, vexetal cultivable na casa, doado de aplicar para exista variedade nos menús e sabores nas comidas ao poder ofrecer unha singularidade no seu consumo favorecendo mesmo diversas posibilidades (pementa branca ou negra, en pó ou en gran). Condimento versátil pois se pode usar en carnes, peixes, purés, vexetais, ensaladas...
Ao ter un sabor intenso, é máis difícil que se abuse da cantidade de pementa nun prato, porque con pouca cantidade que se lle engada xa provoca ese lixeiro toque picante agradable ao gusto. Logo a dose axeitada é máis doada de acadar que noutras especies que é máis difícil de calcular a cantidade xusta.
En contra da pementa:
A pementa non é un condimento que pase desapercibido, podemos atopar outros condimentos máis neutrais e integradores, hai alimentos e pratos que non requiren estar picantes para satisfacer o padal dos que os consumen. Os condimentos que se confunden cos sabores dos propios alimentos resultan máis agradables a calquera padal. A súa singularidade limita o seu uso indiscriminado.
Se lle botamos pementa a todos os alimentos produciremos un mesmo efecto, un toque picante que non lle acae ben a un menú diario, podes comer un día algo picante, peor non todos os días, algo que non lle ocorre ao sal que resultaría raro que non o botases a calquera prato e en calquera comida. A pementa debe ser máis prescindible por considerarse axiña un abuso nunha porcentaxe alta ou media das comidas que se consumen a diario.
A pementa pode presentar maior número de alerxias que o sal ou outros condimentos. A pementa non é sempre saudable, o picante adoita non ser aconsellable para todos os estómagos, falamos de persoas que teñen certos problemas gástricos como úlceras estomacais, por exemplo ou afeccións e irritacións na gorxa. Independentemente da saúde do que a consume, resulta ostensiblemente desagradable para algunhas persoas, é un condimento que axiña se detecta nun prato. Non lembrades o gas pementa que usa a policía para dispersar aos manifestantes?
Comentarios
Publicar un comentario